Festividade de San Cristovo



Festividade de San Cristovo



San Ramón é a festa maior da parroquia, aínda que San Cristovo, que é o noso patrón, celebra a súa festividade o 10 de xullo, sendo a segunda festa parroquial en importancia. Desde a miña saída do pobo alá por 1959, á idade de nove anos, non volvera a estar presente na celebración desta sinalada data, sendo os meus recordos de neno relativos á mesma practicamente nulos. As miñas visitas ao pobo nas vacacións anuais foron case exclusivamente no mes de agosto. Finalmente puiden satisfacer a miña curiosidade estando presente nesta data e participando na celebración.
Imaxe procesional de San Cristovo

Para ler o artigo completo clicar en "Seguir leyendo" que figura a continuación.



Hei de confesar que a pesar de ser o patrón da nosa parroquia non tiña unha idea moi precisa das circunstancias da vida do santo, salvo a vaga imaxe, que coido todos temos de San Cristovo, como patrón dos condutores e estar representado portando un neno sobre o seu ombreiro esquerdo cruzando un río, axudándose dunha gran vara na outra man.

O noso párroco D. José explicou na súa homilía a grandes liñas a vida do santo. Para quen non estiveron presentes na misa e como recordatorio para o futuro, paso a resumir brevemente o que se sabe, ou a tradición di, da súa persoa.

Representación tradicional de San Cristovo


O nome de Cristovo derívase do grego Christóforos, que vén significar "Portador de Cristo". Parece que morreu martirizado en tempos do emperador romano Decio, que reinou entre os anos 249 e o 251, polo que se deduce que viviu no século III. Os feitos da súa vida foron transmitidos pola tradición cristiá, non contando con confirmación histórica. Hai quen pensa que o que se conta de San Cristovo en realidade é unha adaptación latina de certos feitos da vida de San Menas, un santo exipcio, adorado polos cristiáns coptos. En calquera caso, á luz da fe cristiá, calquera que sexa a realidade non cambia para nada a mensaxe e valores que nos transmite San Cristovo.


Di a tradición que Cristovo chamábase orixinariamente Reprobus, nado en Canaan.  Era dunha estatura que excedía amplamente o normal, superando os dous metros e trinta centímetros, estando dotado ao mesmo tempo dunha gran forza física. Orgulloso das súas calidades, pensou que non podía servir a quen non fose digno del, polo que buscou o rei máis poderoso coñecido para entrar ao seu servizo.


Estando xa ao servizo do rei máis poderoso das terras alí coñecidas, viu que este rei facía o sinal da cruz medorento cando lle nomeaban ao demo, polo que deduciu que o diaño era o verdadeiro príncipe deste mundo, xa que mesmo o home máis poderoso temíao. Decidiu entón servir ao demo, polo que solicitou a axuda dun bruxo para que o acompañase na súa procura. No seu camiño pasaron xunto a unha cruz, e o bruxo, medorento, evitouna desviando o seu camiño. Estrañado por esta actitude, Cristovo preguntoulle ao bruxo se temía a cruz, ao que o bruxo díxolle que non, que a quen temía era a Xesucristo que morrera na cruz. Intrigado pola resposta, preguntoulle se o demo tamén temía a Cristo, ao que o bruxo contestoulle que o demo tremía á soa mención da cruz onde morreu Xesucristo. Asombrado por esta resposta, viu que estaba a buscar á persoa equivocada, polo que abandonou ao bruxo e púxose a buscar a Cristo, que sen dúbida era o máis poderoso e merecedor dos seus servizos.


Preguntaba a todo o mundo onde podería atopar a Cristo, pero ninguén sabía darlle indicacións concretas. Finalmente coñeceu a un ermitán que o instruíu na fe cristiá, pero Cristovo continuaba obsesionado coa idea de servir a Cristo, preguntando continuamente onde o podería atopar. O ermitán díxolle que un medio de servilo era a penitencia, o xaxún e a meditación, ao que Cristovo díxolle que non estaba disposto a ese tipo de vida, xa que non o consideraba adecuado á súa persoa e as súas calidades. O ermitán díxolle entón que podería servir a Cristo axudando a outra xente para cruzar un perigoso río, o cal se cobraba moitas vidas entre quen tentaba cruzalo debido ás fortes correntes da auga da súa canle, o que sen dúbida satisfaría a Cristo. Cristovo estimou que esta misión era máis digna da súa persoa e púxose ao servizo de quen quería cruzar o perigoso río.


Despois dun tempo axudando á xente, e preguntando a todos se sabían onde podería atopar a Cristo, un día presentouse un neno que lle pediu que o levase á outra beira. Sendo un neno quen lle pedía axuda, non se lle ocorreu facerlle a pregunta que repetía a todo o mundo. Durante a travesía ía notando cada vez máis peso, de forma que a pesar da súa forza descomunal dificilmente podía con el. Cando chegou á outra beira díxolle ao neno:
-"Nunca estiven en maior perigo na miña vida que cruzando este río contigo. Nin o mundo enteiro pesoume tanto como o fixeches ti".
O neno contestoulle:
-"Non só levaches o mundo enteiro ás túas costas, senón tamén a quen o creou. Eu son Cristo, o teu Rei, a quen ti serviches. Buscábasme e atopáchesme. A partir de agora te chamarás Cristovo (Cristóforo, o portador de Cristo) e cando axudes á xente para cruzar o río, estarasme a axudar a min".
Despois desta conversación o neno desapareceu.


Cristovo foi bautizado en Antioquía, converténdose nun entusiasta predicador da fe cristiá na rexión de Licia e a illa de Samos, en Asia Menor, que hoxe corresponden á costa mediterránea de Turquía.  Cando estaba en Antioquía predicando o evanxeo foi encarcerado por Dagón, o gobernador desta rexión. Este gobernante tratou gaña-lo para a súa causa, tentando que se retractase das súas crenzas e realizase sacrificios aos deuses pagáns. Cristovo negouse, enviándolle entón Dagón dous belísimas cortesás, Niceta e Aquilina, para tentalo e convencelo de que renunciase á súa fe. Cristovo non só se mantivo nas súas crenzas, senón que milagrosamente converteu ás dúas cortesás á fe cristiá. Vendo Dagón a imposibilidade de convencelo para que renunciase á súa fe, condenouno á morte despois de tortura-lo, sendo finalmente decapitado xunto ás dúas cortesás conversas.


San Cristovo é o patrón dos viaxeiros e condutores. Nun momento ou outro coido que moitos de nós levamos algunha imaxe de San Cristovo no cadro de mandos do noso coche, ben porque a compraramos ou porque alguén querido regalóunola.


Neste ano 2017 a celebración da festividade de San Cristovo non contou, na súa vertente profana, coa concorrencia e lustre de tempos pasados. O descenso e envellecemento da poboación, consecuencia dunha intensa emigración, así como o feito de que os residentes noutras poboacións xeralmente non veñen de vacacións ata o mes de agosto, fan que a participación de público sexa moi inferior á que habitualmente asiste á festa maior de San Ramón.


Iniciouse a celebración o venres, día sete, cunha verbena animada con disco-música e servida polo bar da comisión de festas. O sábado pola mañá un grupo de gaiteiros, "Airiños de Caldelas", percorreu os distintos lugares da parroquia nun animado pasacalles.


A celebración relixiosa, pola contra, séguese desenvolvendo como en tempos pasados. O sábado día 8 de xullo, á unha da tarde, iniciouse a procesión dende a capela ata o souto de San Ramón, anunciada con repique de campás e acompañada polos acordes tradicionais do grupo de gaiteiros.


Abría a comitiva a gran cruz parroquial seguida pola imaxe de San Cristovo portado en andas por catro conveciños. Sempre foi considerado unha honra poder ser un dos portadores, procedéndose a varias substitucións para permitir que aqueles que o desexen poidan demostrar a súa devoción. Antigamente mesmo se poxaban as andas, boa mostra da devoción e interese que entón existía.


A continuación da imaxe marchaba o noso párroco D. José revestido coas pezas cerimoniais, neste caso, sobre a alba branca, casulla vermella adornada con tres cruces brancas distribuídas verticalmente. Seguía logo o grupo de gaiteiros e o resto de asistentes.


Baixábase a costa ata a Torre, onde chegados á casa da Asociación de Veciños virábase á dereita para continuar xa todo recto a través de Armariz ata o souto de San Ramón. Alí, sobre un estrado instalado para o efecto, acomodouse o altar á sombra e protección dun castiñeiro centenario, franqueado á esquerda pola imaxe procesional de San Cristovo, e á dereita pola gran cruz parroquial inserida no seu pedestal.


A misa de campaña foi seguida con devoción pola gran concorrencia de veciños e visitantes. Terminada a mesma procedeuse a retornar a imaxe do santo novamente ao seu lugar de orixe, sendo levado de novo en procesión en sentido inverso. Cóubome a honra de ser un dos carrexadores durante un curto traxecto.


A comisión de festas organizou unha comida de irmandade na que participaron unhas duascentas persoas. Instaláronse longas mesas e bancos na chaira do souto, compartindo todos uns agradables momentos de sa convivencia e bo humor. É de destacar a participación do noso párroco en tódolos actos, compartindo cos seus fregueses estes momentos de alegría, facendo gala dos seus dotes musicais.


Despois da sobremesa rifouse un xamón pola comisión de festas. Terminada a comida, uns fóronse ás súas casas para descansar, outros continuaron no bar instalado no feiral, ata que á tardiña comezou a verbena que se prolongou ata pasada a medianoite. O baile, que foi moi participativo, estivo animado por dous intérpretes vocalistas, o "Dúo Similares", unha parella que unía ao seu bo facer musical uns bos dotes interpretativos.


O luns, día 10 de xullo, foi a festividade eclesiástica do santo. Celebrouse unha misa solemne á unha da tarde, previa procesión no atrio ao redor da capela, acompañada nesta ocasión polo repique de campás. A celebración estivo moi concorrida a pesar de ser un día laborable e non contar coa asistencia de visitantes doutros lugares. Terminado o acto relixioso, acudiron os asistentes ao vermú no local da Asociación de Veciños, onde charlaron animadamente ata a hora da comida en que todos se foron ás súas respectivas casas.


O tempo acompañou todas as celebracións, despexando os medos de que o risco de tormentas puidesen arruinar os actos previstos. A temperatura foi ideal e a choiva non fixo acto de presenza a pesar dos negros nuboeiros que asomaban por poñente o venres pola tarde.


Termina así este precipitado relato dunha celebración que estivo presente no noso pobo durante séculos. Estou convencido de que en esencia foi sempre similar, aínda que, como é lóxico, variase a concorrencia segundo a poboación de cada época, e a forma de vivir os bailes e demais manifestacións festivas. É de desexar que estas tradicións persistan no futuro, aínda sen deixar de recoñecer a gran dificultade que iso vai entrañar ante os cambios tan vertixinosos que a nosa sociedade está enfrontando hoxe en día. É de destacar a dirección dos actos por parte de Luisa, da comisión de festas, sempre atenta a resolver os problemas prácticos e organizativos imprevistos que sempre se presentan.

Benvida ao campo da festa

Preparación do bar da Comisión de Festas

Alborada polas ruas do lugar do grupo Airiños de Caldelas

Otro momento da alborada polo lugar de Requixo

Saída da procesión

Procesión no seu percurso

Procesión acompañada polos gaiteiros
Momento do paso da procesión por Armariz

Misa de campaña no souto do San Ramón

Procesión de retorno da imaxe de San Cristovo a igrexa

Outro momento da procesión de retorno

Celebración da comida de irmandade no campo da festa

Animada sobremesa na comida de irmandade

A miña tía Manuela e a sua amiga Maruja

Momento previo ao comenzo do baile

David repicando as campás no momento da procesión

Saída da procesión no adro da igrexa

Procesión no adro da igrexa

Algúns asistentes ao vermú o día de San Cristovo

Aistenes ao vermú que xa acumulan moitos anos de experiencia

No hay comentarios:

Publicar un comentario