A Emigración
estacional ou temporal 2/2
Continuo con
outros oficios que foron exercidos estacionalmente polos nosos devanceiros. A
excepción son os barquilleiros, que aínda que non corresponden á nosa
parroquia, este entrañable oficio é de todos coñecido por gozar da súa presenza
nas festividades locais e corresponder os seus vendedores a un municipio
próximo ao noso.
Para ler o artigo completo clicar en "Seguir leyendo" que figura a continuación.
Para ler o artigo completo clicar en "Seguir leyendo" que figura a continuación.
Os capadores
Os capadores constituían outra das profesións desenvolvidas de forma itinerante por tempadas ao longo do ano. Esta profesión requiría maiores coñecementos que as anteriormente descritas, sendo transmitida na contorna familiar de pais a fillos, constituíndo verdadeiras dinastías de capadores. Puiden ler que algúns afiadores tamén actuaban ocasionalmente como capadores, aínda que supoño que serían casos moi illados porque os coñecementos necesarios non estaban ao alcance de todos.
Instrumental do capador - Mostra que figura na exposición permanente do Mosteiro de San Estevo de Ribas do Sil |
Esta profesión
foi desenvolvida durante séculos por estes profesionais, ata a aparición dos
veterinarios, momento en que se produciu un conflito de intereses, xa que estes
últimos consideraban que os capadores invadían o seu ámbito profesional. Hai
que dicir que os veterinarios non tiñan a técnica nin a destreza dos capadores
tradicionais, polo que estes últimos seguiron sendo chamados polos gandeiros,
mesmo contravindo a lei. Co tempo creo que se habilitou un título de capador
outorgado por algunha facultade de veterinaria, que obtiña o interesado, previo
exame das súas habilidades e duns mínimos coñecementos sanitarios.
Os capadores anunciaban a súa presenza nos pobos e aldeas facendo soar o seu chifre, igual que o dos afiadores. O seu instrumental era moi sinxelo, consistindo basicamente nunha coitela curva moi afiada. Había outros instrumentos para a castración de animais de maior tamaño como touros e cabalos. Os servizos máis demandados eran a castración de gando porcino. O status destes profesionais sempre foi moi superior ao dos afiadores, xa que cobraban moito máis polo seu traballo. Comían e durmían en fondas, vestían mellor e eran máis respectados.
Na nosa parroquia houbo capadores que desenvolveron o seu traballo nas condicións expostas. Pouco máis podo dicir dunha profesión da que non coñezo moito, salvo o velos actuar no seu traballo de castración de porcos na aldea.
Os Cordeleiros
ou cordeiros
Foto de cordeleiros no centro de interpretación de San Pedro de Rocas |
Eu non coñecín
a ningunha persoa que fixese cordas na nosa parroquia. Por ese motivo quedei
moi sorprendido cando vendo o catastro do marqués da Enseada, realizado en
1753, aparecían moitas persoas da nosa parroquia que traballaban temporalmente
como cordeleiros. Practicamente en tódalas familias había algunha persoa que
exercía esa profesión, por non dicir que case todos a exercían temporalmente.
Cordeleiros no seu traballo. Foto no centro de interpretación de San Pedro de Rocas |
O cultivo de
fibras téxtiles na nosa parroquia foi habitual no pasado, especialmente do
liño, aínda que tamén do cáñamo. O liño usábase tanto para a produción de fío
para o tecido como para a fabricación de cordas. O cáñamo tamén ten diversos
usos, aínda que o que aquí nos interesa máis é para a fabricación de cordas.
Panel informativo do oficio de cordeleiro no centro de interpretación de San Pedro de Rocas |
Algúns
segadores que acudían á sega de Castela, completaban a súa tempada continuando
co traballo de cordeleiros. Para a confección de cordas utilizaban os restos
dos cordeis usados para atar as gavelas de trigo unha vez levadas á aira. Traballaban
na casa do contratista elaborando cordas segundo as necesidades do cliente.
Eran traballos de encarga, confeccionando as cordas co grosor e a lonxitude que
requiría o uso ao que fosen destinadas.
Máquina usada polos cordeleiros - Centro de interpretación de San Pedro de Rocas |
Os Barquilleiros
Barquilleiro nas rúas de Madrid |
Dentro dos traballos ambulantes non me resisto a comentar, aínda que só sexa brevemente, o traballo dos barquilleiros, sempre presentes nas festas patronais dos anos da primeira metade do século pasado. Estes traballadores non procedían da nosa parroquia. A maioría eran orixinarios de Parada do Sil. Elaboraban os barquillos de noite, para ao día seguinte saír coa súa barquilleira chea a vendelos aínda cruxintes.
Fabricación das obleas e barquillos |
Na súa
itinerancia ían percorrendo os pobos ata chegar a Madrid. De feito, os coñecidos
miradoiros de Madrid, dos Canóns do Sil, parece que deben o seu nome a que ata
alí ían as mulleres para despedir ás súas parellas cando saían camiño da
capital do reino para ofrecer a súa mercadoría nas festas e verbenas da
capital.
Monumento ao barquilleiro en Parada do Sil |
En Madrid non
eran os galegos os únicos barquilleiros, xa que tamén os había orixinarios de
Asturias e sobre todo de Santander. En calquera caso os galegos foron un número
considerable dos que alí traballaron. Este personaxe tan entrañable para os
nenos foi inmortalizado en monumentos, dos que sobresaen os erixidos no seu
pobo natal de Parada do Sil ou en Ponferrada, dos que ofrezo unhas fotos a
continuación.
Monumento ao barquilleiro en Ponferrada |
Os segadores
Segadores nos campos de Castela |
Moi posiblemente un dos traballos temporais e ambulantes máis antigos que realizaron os galegos fóra da súa terra foi o acudir á sega en terras de Castela e Estremadura. Na época dos meus recordos non teño constancia de que na nosa parroquia organizásese ningunha cuadrilla de segadores, aínda que si o facían dende Loña, por exemplo. Con todo, teño a convicción de que en épocas máis antigas sí se desprazaron, xa que foi unha constante durante os séculos S.XVI, XVII e aínda en maior medida no XVIII, XIX e primeira metade do XX. Por outra banda puiden ver no libro de falecidos da nosa parroquia algún morto por esas terras, proba de que tamén se producían desprazamentos dende as nosas aldeas. Aínda que os galegos supoñían un importante continxente na sega castelá, non eran os únicos temporeiros que alí se congregaban, xa que tamén concorrían os murcianos, andaluces e moradores doutras zonas montañosas do país.
Segadores en Castela celebrando a festividade de Santiago Apóstolo |
Ata a aparición da mecanización agrícola, a sega nas inmensas chairas da meseta castelá, cultivadas de cereais, facíase en gran medida coa man de obra galega. Os segadores desprazábanse temporalmente agrupados en cuadrillas, encabezadas por un capataz ou maioral, e compostas por segadores, atadores e axudantes. Os atadores eran mozos novos (rapaces) que se ocupaban de atar as gavelas do cereal seguindo o traballo dos segadores. Os axudantes, que eran os máis novos da cuadrilla, apoiaban o traballo dos atadores cando era necesario, ademais de aprovisionar a auga e levar a comida á cuadrilla, coidar da cabalería e outros traballos varios. O maioral ou capataz era un segador experimentado que xa acudira moitos anos á sega e coñecía os lugares, costumes e os segredos para unha boa contratación dos traballos. Xeralmente a cuadrilla compúñase de entre 7 e 12 membros. Adoitaban levar unha cabalería para transportar as ferramentas e a comida para o camiño ata chegar ao seu destino final. Durante o período de traballo tamén empregaban esta cabalería para aprovisionar de comida e auga aos segadores, xeralmente en leiras moi afastadas dos núcleos de poboación. As longas xornadas de traballo ían literalmente de sol a sol, parando só para as comidas. Mesmo traballábase de noite, cando a luz da lúa chea permitíao, para terminar un traballo canto antes, cobralo e poder seguir con outro.
Segadores nuha das súas comidas diarias |
A saída das cuadrillas comezaba a partir da segunda quincena de maio, sendo a volta entre finais de xullo e mediados de agosto, para estar na casa como moi tarde para a Virxe de agosto. A duración da tempada variaba entre os dous meses e os dous meses e medio. O camiño ata o seu destino durante séculos fíxose andando, cunha duración mínima dunha semana. Cando a finais do S. XIX construíuse o ferrocarril foi utilizado polas cuadrillas que conseguían acurtar considerablemente os días da viaxe. Foi en 1883 cando se abriu a liña de ferrocarril Madrid-A Coruña. A equipaxe individual era un zurrón, un fato colgando dun pau ao ombreiro e uns zocos de reposto tamén colgados. A ferramenta de traballo era a fouce ou fouciño, protexendo os dedos da man esquerda cun protector feito con canas e coiro. Completaba o equipamento unha pedra de afiar introducida nunha funda, que estaba feita de corno vaca, colgada ao cinto.
Cuadrilla de Segadores en Castela |
Había dúas rutas de acceso a Castela. A do norte entraba pola provincia de Lugo, seguindo o camiño de Santiago, a través do Cebreiro e o porto de Piedrafita, para chegar a Ponferrada. A do sur, que transcorría a través da provincia de Ourense a través das Portillas, e que é a que indico a continuación por ser a que afectaría as cuadrillas da nosa provincia e ás de Pontevedra. Os da ruta sur de Galicia confluían en Allariz, continuando daquela as seguintes etapas diarias que terminaban en Escornabois, A Gudiña, Reboredo, Ponte da Estrada e Zamora. Dende alí xa se separaban distintas rutas para os que ían cara a Salamanca, Valladolid e outras provincias na meseta, e Estremadura. Do traxecto indicado despréndese que tardaban un mínimo de 7 días para chegar a Zamora, debendo sumarlle logo as xornadas ata chegar ao seu destino final que podían supoñer unha media doutros 7 días. Resumindo, pódese dicir que algúns empregaban 30 días nos desprazamentos, computando a ida e a volta, o que pon de manifesto as duras condicións en que se realizaba o traballo e os esforzos que tiñan que facer para achegar un modesto suplemento monetario á renda familiar. Ao longo dos anos 30 e 40 xa comezaron a circular os camións pola deficiente rede de estradas existente. Algunhas cuadrilla de segadores comezaron a contratar o transporte ata Salamanca, conseguindo chegar máis rápido que co tren e máis barato. Este considerable aforro de tempo víase contrarrestado coa incomodidade dunha viaxe tan longa, sentados no duro chan da caixa do camión dando bandazos e saltos nas lamentables estradas daquela época. Posteriormente xa alugaban autobuses. A pesar de todo, deixando aparte o sufrimento dos segadores, o transporte por ferrocarril ou por estrada foi un adianto considerable no desprazamento en relación con épocas anteriores, como acabo de relatar.
Tanto durante o traxecto como na tempada de traballo durmían á intemperie ou en palleiras. Se a sega estaba lonxe do pobo mesmo durmían na propia leira para aforrarse o tempo e cansazo do desprazamento diario. Nestes casos durmían en parellas para compartir as mantas; botaban unha manda sobre unhas gavelas tapándose coa outra por enriba, sen máis teito que a lúa e as estrelas.
Cuadrilla de segadores co seu maioral |
Facían cinco comidas diarias, que xeralmente eran achegadas polo propietario da leira, e que coincidían cos únicos momentos de descanso ao longo das esgotadoras xornadas de traballo. O almorzo facíase antes da saída do sol; logo entre as nove e as dez comían outro bocado e repoñían forzas; entre as doce e a unha facían a comida principal do mediodía; entre as cinco e as seis da tarde comíase a merenda; finalizaban coa cea cara ás dez ou as once da noite. O traballo podíano contratar "a secas" ou "a mantidas". Na contratación a secas eran os segadores os que se compraban os alimentos, aínda que normalmente preparábanllos na casa do amo das terras para o que traballaban. Na contratación "a mantidas" era o propietario o que fornecía a comida como parte do prezo. Esta última modalidade era a máis estendida. Podíase contratar o traballo a xornal ou a arreo. Tamén en xeral contratábase por traballo terminado, xa que así o propietario despreocupábase do rendemento dos segadores; só ía pagar polo traballo realizado con independencia do tempo que lles custase facelo. A comida consistía en xeral en garavanzos, sopas de pan, ovos, touciño, chourizo, tortilla de pataca, lentellas, xamón, ensalada, leite con pan, patacas cocidas con sopa, sopas de allo, carne de carneiro ou ovella, pan e viño. A xulgar polos testemuños dos participantes, a comida era deficiente, dependendo moito da personalidade do amo. Cando contrataban o traballo a secas, entón aínda comían menos, xa que ao comprar eles mesmos a comida procuraban economizar ao máximo para aforrar unhas pesetas.
A cuadrilla tiña unha estrutura xerárquica claramente establecida e aceptada por todos os seus membros, froito dunha longa tradición. Dentro dos segadores había, por exemplo, o primeira fouce, segunda fouce, terceira fouce, cuarta fouce, que eran os segadores máis experimentados e de maior idade. Seguían logo os medias-fouces que non tiñan tanta experiencia e levaban un menor ritmo. A continuación estaban os atadores e o axudante que eran máis novos e estábanse iniciando no traballo. Co tempo estes rapaces irían escalando posicións na escala xerárquica. Esta orde seguíase para calquera actividade, dende meter a culler na pota común e orde en beber do porrón, ata a repartición da comida por parte do maioral cando a compraban pola súa conta.
Segadores na Estación do Norte de Madrid chegando para continuar viaxe aos campos de destino |
O maioral contrataba o importe do traballo arreo, segundo as fanegas do sementado, polo que traballaban ata o límite das súas forzas para poder facer o maior número posible de contratos. Xeralmente estas cuadrillas acudían cada ano ás mesmas zonas, onde xa eran coñecidos e tiñan clientes fixos. Os contratos eran sempre verbais, respectando cada parte o seu compromiso. En casos de desconfianza acordábanse as condicións en presenza do alcalde do lugar, como garante do acordo e xuíz dos conflitos. A mecanización do campo foi o final desta emigración temporal, terminando definitivamente ao longo dos anos 50.
Grabado do segador galego camiño de Castela que figura na obra "Los Españoles vistos por sí mismos" |
O maioral era o que buscaba o traballo e contratábao, actuando como xefe do grupo. Non todos cobraban o mesmo. Tiñan unhas regras estritas de repartición das ganancias que se facían ao finalizar a tempada. O maioral era o que máis cobraba, logo seguían as fouces ou segadores, logo os atadores e finalmente os axudantes. As diferenzas nos salarios eran considerables. Un segador chegaba a cobrar o dobre que un axudante.
Grabado do segador galego - Vemos como se repite a imaxe, o que demostra a normalidade da súa apariencia. |
Feita a repartición das ganancias, retornan á súa terra, aínda que algúns quedan para continuar na recolección de garavanzos, lentellas, fabas e outras leguminosas, así como cebada e herba para o alimento do gando. En séculos pasados había salteadores de camiños ou bandoleiros que esperaban a estes traballadores de regreso ás súas terras co diñeiro tan duramente gañado. Os segadores procuraban retornar en grandes grupos para sentirse máis protexidos, acelerando a marcha ao máximo para diminuír o risco de ser roubados. Lamentablemente estes roubos ocorrían ás veces, podendo imaxinarnos a frustración e tristeza de estar de volta na casa sen o diñeiro tan necesario para a subsistencia ao longo do ano, despois das penalidades sufridas.
Grabado do segador galego - Vemos como se repite a imaxe, o que demostra a normalidade da súa apariencia. |
O traballo era duro, non só polas longas horas de traballo, literalmente de sol a sol, senón polas altas temperaturas na dura estepa castelá. Non podemos máis que lembrar o poema de Rosalía de Castro titulado Castellanos de Castilla, onde tan cruamente reflicte as duras condicións de traballo e o trato recibido por parte dos amos. O argumento do poema é o queixume amargo e desesperado dunha muller namorada cuxa parella morreu nos campos de Castela nunha destas expedicións á sega. Hoxe en día hai algúns investigadores que afirman que excedeuse nas súas apreciacións cara aos casteláns, sen dúbida motivadas polo seu espírito romántico. En calquera caso non me resisto a incluír aquí algúns fragmentos deste poema, que para min é un dos máis emotivos de cuantos lin. Estes versos son transcrición literal, aínda que fragmentos, do poema orixinal.
Rosalia de Castro |
Este poema forma parte do libro "Cantares Gallegos" publicado o 17 de maio de 1863.
Castellanos de Castilla,
tratade ben ós gallegos,
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.
Cando foi, iba sorrindo;
cando veu, viña morrendo
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.
Foi a Castilla por pan,
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida,
peniñas por alimento.
Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos,
tendes corazón de ferro!
Morreu aquel que eu quería,
e para min n'hai consuelo:
solo hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.
Carta postal dedicada a Rosalía de Castro |
Premita Dios, castellanos,
castellanos que aborrezo,
que antes os gallegos morran
que ir a pedirvos sustento.
Pois tan mal corazón tendes,
secos fillos do deserto,
que si amargo pan vos ganan,
dádesllo envolto en veneno.
Aló van, malpocadiños,
todos de esperanzas cheios,
e volven, ¡ai!, sin ventura,
con un caudal de desprezos.
Van probes e tornan probes,
van sans e tornan enfermos,
que anque eles son como rosas,
tratádelos como negros.
¡Castellanos de Castilla,
tendes corazón de aceiro,
alma como as penas dura,
e sin entrañas o peito!
Outra imaxe de Rosalía de Castro nuha das poucas fotos que se conservan. |
En trós de palla sentados,
sin fundamentos, soberbos,
pensás que os nosos filliños
para servirvos naceron.
E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coupo en máis fatuas cabezas
ni en máis fatuos sentimentos.
Que Castilla e castellanos,
todos nun montón, a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.
Solo pezoñosas charcas
detidas no ardente suelo,
tes, Castilla, que humedezan
esos teos labios sedentos.
Que o mar deixoute olvidada
e lonxe de ti correron
as brandas auguas que traen
de prantas cen semilleiros.
Fotografía de Rosalía de Castro coa súa familia. |
Nin arbres que che den sombra,
nin sombra que preste alento...
llanura e sempre llanura,
deserto e sempre deserto...
Esto che tocou, coitada,
por herencia no universo,
¡miserable fanfarrona!...
triste herencia foi por certo.
En verdad non hai, Castilla,
nada como ti tan feio,
que aínda mellor que Castilla,
valera decir inferno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario