San Pedro de Rocas

 
Conxunto do mosteiro de San Pedro de Rocas

San Pedro de Rocas está situado no concello de Esgos, provincia de Ourense.

A miña primeira visita a San Pedro de Rocas foi alá por 1.955, contando eu só cinco anos. Fomos a miña nai e eu desde Armariz en peregrinación a Rocas na festividade de San Bieito, día 11 de xullo. Naturalmente a peregrinación fíxose camiñando, algunhas persoas mesmo ían descalzas, e outras facían un tramo final do camiño de xeonllos. Estas mostras de devoción e sufrimento conmoven profundamente, buscando os penitentes cheos de fe espertar o interese do santo intercesor para que a graza solicitada sexa concedida.

Para ler o artigo completo, clicar en "Seguir Leyendo"  que figura a continuación.

No meu caso iamos para mollar as miñas mans na fonte de San Bieito. A tradición atribúelle a propiedade de curar as verrugas. Mergúllase a parte afectada na fonte, ou se molla cun pano empapado nesa auga, e rézase un Noso Pai para solicitar o milagre. Posteriormente asistíase a unha misa na vella igrexa, que nesa festividade estaba abarrotada de fieis, mostrando todos unha gran devoción.

Non é de estrañar que ese lugar fose escollido polos eremitas para meditar e logo estabelecer un mosteiro. Toda a contorna convida á paz e o acougo. Os bosques que o rodean e o accidentado do terreo son unha barreira natural contra o mundo exterior.Causa especial impacto a sinxeleza e tosqueza da construción que reflicte fielmente a sobriedade e espírito de sacrificio e penitencia que animaba aos seus moradores.

A orixe de San Pedro de Rocas remóntase aos primeiros séculos de cristianismo en Hispania, cando os eremitas retirábanse a lugares illados para vivir en oración, recollemento e penitencia. Tense constancia da súa existencia xa no S. VI, ano 573, cando seis homes herdan San Pedro de Rocas, aínda cando xa con anterioridade era lugar de retiro de eremitas. No S. VIII chega a invasión musulmá que obriga ao seu abandono, seguindo un período escuro onde chega a esquecerse a existencia deste lugar. É no século IX cando, segundo a lenda, o cazador Gemodus ou Germando, perseguindo a un gamo ferido descobre o lugar, considera o feito como un sinal divino e decide quedar alí como eremita. Coñecido o feito, únenselle outros devotos formando unha pequena comunidade.

Parte interior da espadana sobre rocha de 20 m

O mosteiro pasa por distintas vicisitudes, independente ao principio e posteriormente sometido a outros cenobios de maior dimensión, pasando a depender primeiro de San Esteban de Ribas de Sil e logo de San Salvador de Celanova. A desamortización do S.XIX foi o final da vida monástica. A partir de 1.836 a súa igrexa queda convertida en simple parroquia, que tamén debe ser abandonada a principios do século XX por un novo incendio e o estado ruinoso en que se atopaba. Os mosteiros, en xeral, quedan no esquecemento. Non é ata final dos anos 50 cando se comeza a prestarlles maior atención, poñendo en valor o seu carácter artístico, histórico e cultural, cun indubidable interese turístico.

Como toda gran obra, o resultado actual é a suma de numerosas adaptacións e construcións ao longo dos séculos. A igrexa xorde da cova orixinal onde se retiraban os eremitas. Foi escavada na rocha granítica natural do monte Barbeirón, que tras progresivas ampliacións practicadas durante séculos dan lugar ás tres naves actuais, onde a nave central é a máis alta e longa. O teito é de medio canón e no seu centro fíxose un buraco cara arriba a través da rocha para abrir un respiradoiro por onde penetra unha tenue luz. O último engadido foi unha nave transversal á entrada da igrexa, construída no S.XV para dar maior cabida aos fieis. Así pois, a igrexa ten catro altares, un en cada nave. A fachada exterior actual da igrexa é de S. XIX, no mesmo estilo funcional da casa Prioral.

No muro da capela esquerda pintouse un mapamundi medieval, único coñecido ata agora desa época en Europa, representando as rutas dos apóstolos na diáspora cristiá. Apréciase dificilmente e está protexido por un cristal.

O campanario, unha espadana do tipo tradicional en Galicia, foi engadido no século XVI, descansando sobre unha rocha natural de 20 metros de altura. Esta espadana sobre a rocha furada por un arco constitúe o seu signo de identidade máis definido.

As tumbas do chan descubríronse en 1.988 ao levantar o piso con motivo dunhas obras de reforma. Tamén no exterior existen tumbas antropoformas talladas sobre o chan rochoso.

A Casa Prioral é unha edificación practicamente cuadrangular, de pedra granítica de liñas rectas e prácticas, sen floreos ornamentais. Pode considerarse unha construción pequena comparada cos mosteiros de proporcións colosais que estamos afeitos visitar. O obxectivo era acoller a unha comunidade reducida de monxes, que como máximo chegou reunir no século XIII a trece deles. Este edificio foi construído a finais do S. XVII, xa que o anterior quedou destruído por un incendio. Este mesmo edificio volveu arder a comezos do século XX, e en 1.936 queimouse a tribuna interior de madeira da igrexa, quedando en estado de abandono ata a súa restauración actual que data de 2.006, albergando o actual centro de interpretación.

No exterior, encontrábase un cemiterio para as poboacións veciñas, que foi construído no século XIX e que actualmente xa está baleiro e sen uso.
En calquera caso, este mosteiro é un testemuño fidedigno das primeiras manifestacións cristiás de Europa e talvez o mosteiro coñecido máis antigo de España. Desde 1.923 está considerado como Ben de Interese Cultural dentro dos Monumentos do Patrimonio Histórico de España.

O centro de interpretación instalado na casa prioral permite apreciar o edificio no seu interior. Ofrece unha interesante exposición con murais que explican a historia do mosteiro, a vida monástica e os costumes e oficios da zona da Ribeira Sacra ourensá.

Os horarios de visita: Todos os días de 10:30 a 13.45 h. e de 16.30 a 19.45, excepto decembro, xaneiro e febreiro que pola tarde pecha ás 18.30.  Pode haber algunha alteración dependendo da estación do ano, de media hora como máximo.Entrada: Gratuíta. Tfl: 661 50 81 43.

Indicador da ruta de sendeirismo

Para os amantes da natureza e dos paseos pola fraga, existe un circuíto que sae desde a casa prioral, ten un percorrido duns 9 km. que se poden facer en 2 horas a bo paso, pero tendo en conta o accidentado do terreo e para quen non estea habituado a camiñar, deberá contar cunhas tres horas. Por outra banda merece a pena tomalo con calma e gozar duns camiños que parecen sacados doutro tempo e que, nalgúns tramos, conservan unha maxia especial que transporta o paseante a outra dimensión chea de paz e acougo. O percorrido é variado. Nas partes baixas é moi boscoso, para ir perdendo o arboledo a medida que se ascende, onde toman protagonismo as grandes rochas graníticas e a amplitude do horizonte.

Como chegar:

A pé.- Nos últimos anos é un lugar de visita case obrigada en cada unha das miñas escapadas a Armariz. Eu vou camiñando nun agradable paseo que, no verán e a bo paso, custa pouco máis dunha hora. Saio de Requeixo, subo pola estrada ata Cardares, tomo a pista que leva ao cemiterio e enfronte de Pena Redonda collo o camiño á dereita cara a Verdecima. Sigo a estrada desde alí ata Lobaces, onde ao chegar ao pobo, sen entrar nel, collo o camiño á dereita, pasando pola fonte e lavadoiro, chego á estrada, que sigo á esquerda uns 100 metros. Desde a estrada á dereita tomo un camiño sen asfaltar, ata chegar ao Camiño Real que vai a Triós e que eu sigo cara á esquerda. Séguese por este camiño ata chegar á estrada que vén de Luintra e Loña, que se cruza e séguese de fronte polo Camiño Real. Ao chegar a outro cruzamento de camiños, tómase cara á dereita, para chegar á Fonte de San Bieito e pouco máis adiante a San Pedro de Rocas.

Desde Ourense, pola estrada OU-536 dirección a Ponferrada, ata Tarreirigo. Aquí desvío á esquerda para coller a estrada OU-509, dirección a Luintra, ata Casa Coutada, onde se atopa o desvío á dereita cara a San Pedro de Rocas. Dista aproximadamente 25 kms da capital.

Desde Luintra, seguir a estrada OU-509 pasando por Loña do Monte ata Casa Coutada, onde se toma o desvío á esquerda para San Pedro de Rocas.

Desde Armariz, subir pola estrada OU-510 ata Loña do Monte e logo tomar á dereita a OU-509 ata Casa Coutada, onde está o desvío á esquerda a San Pedro de Rocas.


NOTA: Para ver unha mostra de 20 fotos de todo o conxunto do mosteiro clicar na seguinte ligazón: Galería de Fotos de San Pedrode Rocas 

Galería de 12 fotos do circuíto de trecking comentado anteriormente. Para velas clicar na seguinte ligazón.
Galería - San Pedro de Rocas -Circuito de Trecking 

No hay comentarios:

Publicar un comentario