A Festa de San Ramón

A Festa de San Rmón


A festa maior da parroquia de San Cristovo de Armariz é o 31 de agosto, festividade de San Ramón. A continuación relato as miñas lembranzas dunha data tan sinalada para todos os veciños da parroquia, tal como eu lémbroo nos anos 50. 

Para ler o artigo completo, clicar en "Seguir Leyendo"  que figura a continuación.



Cartel anunciador das festas de Armariz 2011




A Festa de San Ramón



Próximos xa ao 31 de agosto, non podo evitar lembrar a festa maior da parroquia, San Ramón.

Aínda que as tradicións conserváronse practicamente inalteradas, as sensacións actuais nada teñen que ver coas sentidas nos anos 30, 40, ou 50 do século pasado. Na sociedade da abundancia e do benestar da que gozamos hoxe, as festas teñen unha importancia secundaria, moi amortecida por moitas outras sensacións ofrecidas diariamente e de forma permanente pola televisión, as viaxes máis accesibles e frecuentes, outros espectáculos e novidades que fan que raramente algo nos sorprenda especialmente.

En épocas anteriores, de cambios menos radicais que os que sufrimos ou gozamos hoxe en día, as tradicións, actitudes e comportamento da xente variaban escasamente dunha década á seguinte. É por iso que creo que o que eu vivín nos anos cincuenta, pouco diferiría do acontecido nos anos trinta ou corenta.

O verán é época de traballo agrícola intenso pero tamén de festas populares nas parroquias próximas. Poderíase dicir que a dureza da vida diaria é directamente proporcional á intensidade con que se viven as celebracións festivas. A ilusión e goce destas poucas oportunidades de evasión das obrigacións diarias vívense con profunda alegría, compartidas con familiares e amigos, propician o galanteo dos mozos e son motivo de reunión das familias participando en comidas cheas de alegría e bo humor.


Festas nos lugares veciños




Era esa a época propicia para a estrea dalgún vestido novo, que non todos os anos podíase un permitir. Cando a situación económica facíao posible, a alegría era enorme, en xeral para as mulleres e moi especialmente para as mozas novas, que eran miradas con envexa polas que ese ano non se puideron permitir ese capricho.

Toda esta excitación ante a festa non permitía desatender as obrigas cotiás. As vacas tiñan que comer e había que levalas a pacer ao monte. Os porcos tiñan que recibir a súa ración diaria, as galiñas ser alimentadas e os ovos recolleitos. A vida seguía o seu curso normal á marxe da festividade.

A semana previa á festa facíase unha limpeza xeral na casa. Fregábanse os chans de madeira con xabón de tallo e lixivia, tarefa que facían as mulleres axeonlladas no duro chan, cun cepillo de raíces e unha rolla absorbente para enxugar a auga e o xabón. Recollíase o po e as teas de araña, sempre presentes a pesar das continuas limpezas. Lavábase a roupa e pasábase o ferro para deixar todo recolleito e en perfecta orde. O ferro era de ferro mesmo, pesado e grande, cunha cheminea ou respiradoiro na tapa, que se abría para introducir unhas brasas do lume candentes que proporcionaban a calor necesaria para o repasado.

O sábado previo á celebración, pola mañá facíanse os labores propios de atender o gando da casa ou algún traballo urxente nos eidos. Á tardiña chegaba a banda de música, xeralmente de Melias, co seu uniforme azul e botonadura dourada, gorra de prato e instrumentos relucentes soltando escintileos ao sol. Desde Luintra baixaban a pé, dando uns primeiro pasacalles en Valdoasno, e logo no Covelo, antes de chegar a Requeixo. Aquí interpretaban unhas pezas fronte á tenda de Pepe, onde acudía a mocidade dos outros lugares da parroquia, debidamente anunciados cos estalidos dalgúns fogos artificiais. Eran momentos de gran alegría e bulicio, especialmente entre a rapazada e mocidade.


Banda de música de Melias


Logo dun descanso para a cea acudíase a gozar do folión, como se chamaba nestes lugares ao espectáculo de fogos artificiais pola noite. A limitada gama de fogos de distinto tipo incluían algúns de cores, para rematar cos máis estrondosos chamados bombas. Pronto se iniciaba a verbena no souto de San Ramón. Novamente música e baile entre nubes de po do chan de terra machucado polos pés dos bailaríns. Aos músicos montábaselles un pequeno palco na pendente do souto, aínda que non sempre. Era especialmente curioso para os nenos o trombón e o gran bombo, así como os grandes, relucentes e sonoros pratos dourados. Era meritorio o traballo destes músicos, que facían a pé o camiño ata o pobo, durmían nunha palleira e comían convidados nas casas do pobo os días que duraba a festa.

No campo de baile instalábanse unhas lonas a modo de carpa para albergar ao tendeiro que ofrecía bebida aos asistentes. A consumición case exclusivamente limitábase a cervexa e gasosa, sendo moi demandadas a gasosa cunha copa de licor café e a cervexa con gasosa. Os mozos que saían a traballar temporalmente a Castela, e contaban con recursos económicos, convidaban á moza que pretendían ou cortexaban a compartir unha xerra desa bebida que se gozaba con deleite. A única refrixeración para a bebida eran uns grandes baldes de auga da fonte na que mergullaban as botellas de cervexa e gasosa.


Souto de S. Ramón

Souto de S. Ramón

Souto e fonte de S. Ramón





O carniceiro, que habitualmente pasaba polo pobo semanalmente coa súa mercadoría metida en dous caixóns de madeira, que transportaba na súa cabalería, nestas ocasións festivas sacrificaba un becerro no propio pobo. No improvisado matadoiro, un simple alpendre dalgunha casa do pobo, sacrificábase o animal e alí acudían as mulleres de toda a parroquia a comprar carne para a festividade, cousa que no resto do ano era un luxo descoñecido para a maioría das familias. A organización da produción rural orientouse tradicionalmente á autosuficiencia. Coa matanza do porco anual, e algún polo ou galiña en casos de enfermidade ou celebración moi especial, resolvíase o consumo de carne. A tenreira comprada ao carniceiro usábase no cocido, a comida máis habitual para o día da festa, xunto ao lacón e chourizos, ou ben guisada para acompañar ás patacas, ben guisadas ou en cachelos.

Como sobremesa, o doce rei das celebracións importantes no pobo era o roscón. Facíase con dúas ducias de ovos, fariña de trigo e azucre. Acudían todas as mulleres ao forno cos ovos, o azucre, a pota para batelos e o molde co seu buraco no medio, para despois da oportuna cocción saír unha gran rosca esponxosa. A fariña de trigo comprábase necesariamente no forno. Unha vez preparadas todas as masas vertíanse nas correspondentes formas, e introducíanse no gran forno de leña xa quentado á debida temperatura. Despois da necesaria espera saían os roscóns co seu cheiro característico, que en épocas de tan poucos caprichos e liberalidades eran un manxar exquisito. O roscón estaba sempre presente no acompañamento dunha copa de coñac para os homes, e anís e Sansón para as mulleres, e mesmo para os rapaces que sempre querían probar ese viño doce.

Outras sobremesas, aínda que non tan propios da festa maior, eran as filloas ou crêpes de fariña de trigo, leite, azucre e ovos; as chulas ou bolos de vento de fariña de millo, leite, ovo e azucre; o arroz con leite espeso, e moi raramente o flan, unha excentricidade para curas e ricos.

Se o día do Santo Patrón era un día laborable, celebrábase a festividade relixiosa con misa en horario de día festivo e procesión. Despois da procesión e antes de entrar na igrexa, poxábanse as andas de San Ramón para entrar o Santo na capela, sendo de maior valor as dianteiras. Competían nesta poxa os devotos cunha promesa ao santo ou para obter algunha graza especial. Tamén ocorría que algún devoto doaba para a igrexa un xamón, ou máis habitualmente un lacón, que tamén eran poxadox para o sostemento do culto.

O domingo de celebración da festividade reuníase na misa toda a parroquia. A banda de música, que xa amenizara aos asistentes no atrio antes da misa, tamén participaba nesta, desde a tribuna, interpretando algún fragmento musical adecuado nos momentos clave da celebración. Se repicaban as campás, os mordomos da festa lanzaban algún foguete cuxos estalidos anunciaban a propios e alleos doutros pobos a celebración festiva. O éxito dunha festa medíase a miúdo polo número de músicos que compoñían a banda e pola cantidade de fogos artificiais que se queimaban, especialmente no folión do sábado pola noite antes da verbena. Lonxe dos excesos actuais, ésta empezaba ás dez da noite e terminaba cara a medianoite.

Antes de misa facíase a procesión ao redor do atrio da igrexa, co acompañamento do repique das campás. Iniciaba a marcha un home portando a gran cruz de prata da parroquia, seguidos pola Inmaculada, levada en andas por catro mulleres, e a continuación San Ramón, tamén en andas portado por catro homes. É costume colgar na man esquerda do santo uns acios de uvas, interpreto que como unha petición simbólica de boas colleitas. Segue a continuación o cura párroco e o resto de fregueses vestidos coas seas mellores galas. As mulleres locen o seu mellor vestido, e os homes visten, traxe e gravata os mozos, e sen gravata a de máis idade. Algúns outros levan traxe de pana e boina ou chapeu. Sobra aclarar que entón non había traxes de inverno ou de verán. Tíñase un só traxe para calquera ocasión especial que o requirise. Cando se facía un traxe novo, o anterior usábase para os traballos diarios, ofrecendo a curiosa estampa dun labrego sachando no campo levando unha chaqueta de traxe. Nada se tiraba, todo reciclábase.

O baile de tarde do domingo, comezando cara ás cinco, terminaba cara ás nove. Volvíase á casa a cear e os mozos regresaban á verbena ata media noite, despois de asistir a un segundo folión, aínda que nesta ocasión algo máis modesto que o do día anterior.

O luns continuaba a festa, de forma máis íntima, basicamente para a xente do pobo. Novamente misa e procesión pola mañá. Despois do baile da tarde dábase por terminada a festa coa entrega do ramo dos mordomos aos seus sucesores para o ano seguinte. Estes son os encargados e responsables de recadar os donativos dos fregueses e de contratar a banda de música e fogos de artificio. O ramo era unha rama grande con rosquillas e doces colgados en lugar de follas.
As fotos que seguen corresponden ás festas de 2009, as últimas ás que asistín.

Abre a procesión a gran cruz de prata

Segue a continuacion a Inmaculada portada por mulleres

Continúa con S. Ramon portado polos homes

Pecha a procesión o grupo de gaiteiros e os fregueses

Grupo floklórico da parroquia

No hay comentarios:

Publicar un comentario