La versión de este artículo en castellano puede leerse en: https://lembranzasdearmariz.blogspot.com/2016/08/armariz-informacion-general.html
Datos sobre Armariz
San Cristovo de Armariz é o nome da parroquia obxecto deste blog. Pertence ao Concello de Nogueira de Ramuín, distando 8 Kms de Luíntra, a capital do municipio, e 17 Kms de Ourense.
Esta entrada ofrece información xeral da parroquia de San Cristovo de Armariz, orixe, nome, aldeas, localización, etc.
Para ler a entrada completa pulsar "Seguir leyendo" que figura a continuación.
Para os non coñecedores da dispersión poboacional de Galicia, é imprescindible unha pequena explicación da importancia da parroquia na súa organización social. A poboación do interior de Galicia atópase moi diseminada. Existen numerosos casaríos illados, agrupacións de casas formando aldeas e “lugares” para configurar todos eles unha parroquia. As parroquias son entidades de natureza eclesiástica que marcaron fortemente os vínculos de unión entre os seus fregueses. A parroquia é o centro de reunión dos veciños na misa dominical e as celebracións de festividades relixiosas, con especial incidencia nas festas patronais. A parroquia é punto de encontro nos eventos familiares máis importantes: bautizos, comuñóns, vodas e funerais. Dada a dispersión da poboación, é a unidade organizativa que crea un forte vínculo entre os compoñentes da mesma e dótaos dunha identidade común.
No terreo administrativo a unidade básica é o concello. A parroquia como tal non ten recoñecemento no ordenamento territorial, pero na práctica si que é considerada para a organización interna dos municipios, equivalente á función dos barrios nas cidades. As asociacións veciñais, por exemplo, créanse a nivel parroquial, como unidade básica social.
A orixe destas aldeas posiblemente sexa a herdanza do castro celta, agrupando varias familias rodeadas dun territorio de influencia. O accidentado do terreo, que fai difícil e custoso o acceso ás leiras, dificultaron no pasado a agrupación poboacional en unidades de maior dimensión pero máis afastadas entre si. Esta distancia supoñería un esforzo demasiado grande para acceder ás leiras máis afastadas, polo que en aras á adaptación á contorna xorde a tendencia en agruparse en pequenos núcleos, pero o máis próximos posible ás leiras nas que se traballa e das que se depende.
A aldea agrupa un certo número de veciños, de tamaño variable, pero que xeralmente non excede a cincuentena de casas. Os labores agrícolas organízanse en círculos concéntricos. Os terreos lindeiros coas casas son hortas para cultivos intensivos de uso diario na familia de todo tipo de hortalizas propias da zona: leitugas, tomates, pementos, patacas, nabos, coles, xudías, viñas e algunhas árbores froiteiras. O segundo círculo, algo máis afastado das casas, constitúeno os cultivos máis extensivos, xeralmente de cereal, centeo, millo e patacas. Finalmente, o terceiro círculo constitúeno os bosques e os prados de pasto para os animais domésticos, vacas, ovellas e cabras fundamentalmente. Entre o segundo círculo e o terceiro atópanse algunhas leiras con castiñeiros, chamados soutos.
A nosa parroquia componse de varios “lugares” ou agrupacións de casas: Armariz, Castrelo, Verdecima, Verdemiogo, Sáa, Verdefondo, Requeixo, A Cancela, As Pereiras, A Tellada, O Covelo e Valdoasno. En conxunto, estes lugares hoxe en día non exceden os 250 residentes.
As festas patronais celébranse o 10 de Xullo, festividade de San Cristovo e o 31 de Agosto, festividade de San Ramón, que é a festa maior da parroquia.
O nome de Armariz moi probablemente procede do nome xermánico Ermen+ric, ou Hermerico ( = Ermanareikis),que significa Gran Rey, que latinizado derivou en Armaricus, declinado en xenitivo sería Armarici para transformarse finalmente en Armariz. Ermenric ou Hermerico era o nome do rei suevo no momento histórico en que este pobo xermánico entrou en Hispania, e que no ano 411 estableceuse na provincia romana de Gallaecia fundando un reino que durou 170 anos, ata que no ano 585 foi derrotado polos visigodos e integrado no devandito reino. Sendo o nome dun rei é moi probable que outras persoas adoptasen o mesmo nome. Unha persoa con ese nome, e moi probablemente de orixe suevo, debeu de establecerse en Armariz, dando lugar ao nome da poboación, que se podería traducir como vila de Armaricus. Outros nomes de posible orixe suevo na mesma zona, como son Gomariz ou Mundín, fan supoñe-la presenza de xentes procedentes dese pobo xermánico nestas terras.
Moneda sueva de oro |
O nome de Requeixo, segundo se define no Dicionario Galego é: 1) “Terreo en pendente que vai dar a un val”; 2) “Lugar próximo á lareira, onde se garda a leña para o lume”. Á vista do común dese nome en aldeas de Galicia, probablemente fai referencia a lugares situados nunha pendente preto dun val, que no caso de Requeixo de Armariz sería a súa proximidade ao val do río Loña o que definise esa denominación.
Castrelo provén de Castrum, que é un poboado celta fortificado, datando probablemente de época prerromana, o que dá idea da antigüidade de asentamentos humanos na nosa parroquia. Os castros son abundantes na contorna, mesmo atopei referencias a un que está entre O Covelo e Eiradela, coñecido como castro de Bouza Fría, que aínda non tiven oportunidade de visitar. Abundando na idea da antigüidade das poboacións por estas terras, tamén resaltamos os restos prehistóricos atopados nos túmulos ou mámoas das Cabanas de Moura, que datan de 3.500-2.000 AC.
Sáa pode provir da palabra goda Saal, que quere dicir residencia, palacio, mansión. Podería facer referencia a un lugar onde houbese unha construción especialmente grande que merecese esa cualificación naquel momento.
O xentilicio de Armariz é armaricense e o de Requeixo é requeixelo, sendo o do municipio de Nogueira de Ramuín, nogueirao e nogueirá.
A parroquia conta con dúas igrexas. A máis antiga é a igrexa vella, de San Cristovo, algo afastada do núcleo poboado e rodeada polo cemiterio. É de estilo románico tardío, existindo rexistro escrito da súa existencia no ano 1.182, cando Fernando II doa dita igrexa ao mosteiro de San Estevo. Esta igrexa na actualidade utilízase só para os actos funerarios. Un feito sorprendente é que esta igrexa non estea rodeada por un núcleo poboacional e os fregueses tivesen que desprazarse tanto para asistir aos actos relixiosos. Poida que existise no pasado e logo desaparecese, cousa pouco probable, ou que os terreos que a circundaban, propiedade da igrexa, non fosen accesibles á poboación. Esta é unha hipótese persoal sen ningún apoio documental.
A igrexa nova ou Capela de San Ramón é o lugar habitual dos actos relixiosos e festivos. Está integrada no núcleo de poboación de Armariz e na súa fachada consta a data de 1746, xunto á inscrición “ESTE SANTUARIO SE HIZO A ESPENSA DE D. JUAN GARZIA GUETE, ABAD DE ESTA FELIGRESIA, Y DE MAS DEVOTOS. AÑO DE 1746” . O referido D. Juan Garzia Guete era o párroco no momento da súa construción, como queda acreditado polos libros parroquiais do momento.
A parroquia sufriu unha intensa emigración, especialmente a partir de comezos dos anos 60. Orixinarios da parroquia atópanse dispersos por diversos lugares, especialmente País Vasco, Cataluña e Madrid, dentro de España, e en diversos países europeos, especialmente Francia, Alemaña e Suíza. Froito desta intensa emigración, e da integración dos emigrantes nos seus novos destinos, son as numerosas casas abandonadas e en estado ruinoso que nos atopamos invariablemente en tódolos núcleos de poboación, como unha cicatriz indeleble dunha ferida emocional que supuxo para os emigrantes o abandono da súa familia e da súa terra.
Qué diferente era a situación nos anos 40 con tódalas casas habitadas, tódolos campos traballados ata o máis pequeno recuncho para alimentar a tantas familias, xeralmente numerosas, como había naquela época. Como contrasta á quietude das aldeas de hoxe en día coa actividade constante daquela época. Carros cargados, voces de homes ou mulleres guiando o carro tirado penosamente pola parella de vacas, mentres nas costas cantaban os eixes castigados pola pesada carga. Nesa época todos traballaban, cada un segundo as súas posibilidades. Os nenos levaban o gando a pastar e vixiábano para que non fose aos sementados, regresando á noitiña alegrando os camiños co tintino das campaíñas das vacas. Como dicía o meu avó, "ou traballo dun neno é pouco pero ou que non o aproveita é un louco". As mulleres, a parte de atende-los labores domésticos, ocupábanse das hortas e axudando aos homes noutros labores máis pesados, segando o centeo co fouciño, recollendo as patacas da colleita, munguindo as vacas, atendendo os animais domésticos, porcos e galiñas, e tantas outras que farían unha lista interminable. Nunca lles será suficientemente recoñecida pola sociedade a súa entrega á familia e o esforzo realizado que poderiamos cualificar de sobrehumano. Cando ademais o marido debía emigrar para conseguir eleva-lo nivel de renda familiar, durante as ausencias, ocupábanse de tódalas tarefas domésticas, mesmo das máis pesadas.
O río Loña atravesa a parroquia, que xunto cos regatos que nel desaugan, foi fonte permanente de rega e vida na esfera rural. Segue o seu curso ata desembocar no río Miño na cidade de Ourense. Antes forma os encoros de Cachamuiña, do que se abastece de auga a cidade de Ourense, e o de Castadón, moi próximo xa á súa desembocadura.
Na parte nordés do municipio transcorre o río Sil, encaixado en impresionantes cortadas no terreo, os coñecidos canóns do Sil. Desde a cima dese pregue montañoso, coñecido como serra de Cabeza de Meda, en cuxa cima se sitúa o parque eólico, descende unha ladeira que non remata ata a canle do río Loña. Esta pendente continua está a mirar ao oeste e na súa parte final atópase Armariz e moi especialmente Requeixo que dista pouco da canle do río. A vertente dereita do río, que tamén pertence á parroquia, ascende rapidamente chegando ata Valdoasno. Nesta zona predominan as carballeiras e piñeirais, salvo as zonas próximas ao río. É unha zona rica en arborado moi frondoso, pero pobre desde o punto de vista agrícola. Terreos moi pendentes e pobres que esixen a alternancia de cultivos e abonado anual para xerar unha produción máis ben pobre. O minifundismo levado ao extremo non axuda a crear explotacións minimamente rendibles. A súa situación no val faina máis abrigada que as zonas máis ao norte, castigadas polos frecuentes ventos fríos do norte.
Fernando II, dona la iglesia de San Critóbal de Armariz al Monasterio de San Esteban - Año 1182 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario