2016/08/16
La versión de este artículo en castellano puede leerse en: https://lembranzasdearmariz.blogspot.com/2016/08/la-fiesta-de-san-ramon.html
A festa maior da parroquia de San Cristovo de Armariz é o 31 de agosto, festividade de San Ramón. A continuación relato as miñas lembranzas dunha data tan sinalada para todos os veciños da parroquia, tal como eu o lembro nos anos 50.
Para ler o artigo completo, clicar en "Seguir Leyendo" que figura a continuación.
Cartel anunciador das festas de Armariz 2011 |
A Festa de San
Ramón
Próximos xa ao 31
de agosto, non podo evitar lembra-la festa maior da parroquia, San Ramón.
Aínda que as
tradicións conserváronse practicamente inalteradas, as sensacións actuais nada
teñen que ver coas sentidas nos anos 30, 40, ou 50 do século pasado. Na
sociedade da abundancia e do benestar da que gozamos hoxe, as festas teñen unha
importancia secundaria, moi amortecida por moitas outras sensacións ofrecidas
diariamente e de forma permanente pola televisión, as viaxes máis accesibles e
frecuentes, outros espectáculos e novidades que fan que raramente algo nos
sorprenda especialmente.
En épocas
anteriores, de cambios menos radicais que os que sufrimos ou gozamos hoxe en
día, as tradicións, actitudes e comportamento da xente variaban escasamente
dunha década á seguinte. É por iso que creo que o que eu vivín nos anos
cincuenta pouco diferiría do acontecido nos anos trinta ou corenta.
O verán é época
de traballo agrícola intenso pero tamén de festas populares nas parroquias
próximas. Poderíase dicir que a dureza da vida diaria é directamente
proporcional á intensidade con que se viven as celebracións festivas. A ilusión
e goce destas poucas oportunidades de evasión das obrigacións diarias vívense
con profunda alegría, compartidas con familiares e amigos, propician o galanteo
dos mozos e son motivo de reunión das familias participando en comidas cheas de
alegría e bo humor.
Era esa a época
propicia para a estrea dalgún vestido novo, que non tódolos anos podíase un
permitir. Cando a situación económica facíao posible, a alegría era enorme, en
xeral para as mulleres e moi especialmente para as mozas novas, que eran
miradas con envexa polas que ese ano non se puideron permitir ese capricho.
Toda esta
excitación ante a festa non permitía desatende-las obrigas cotiás. As vacas
tiñan que comer e había que levalas a pacer ao monte. Os porcos tiñan que
recibi-la súa ración diaria, as galiñas ser alimentadas e os ovos recolleitos.
A vida seguía o seu curso normal á marxe da festividade.
A semana previa á
festa facíase unha limpeza xeral na casa. Fregábanse os chans de madeira con
xabón de tallo e lixivia, tarefa que facían as mulleres axeonlladas no duro
chan, cun cepillo de raíces e unha rolla absorbente para enxuga-la auga e o
xabón. Recollíase o po e as teas de araña, sempre presentes a pesar das
continuas limpezas. Lavábase a roupa e pasábase o ferro para deixar todo
recolleito e en perfecta orde. O ferro era de ferro mesmo, pesado e grande,
cunha cheminea ou respiradoiro na tapa, que se abría para introducir unhas
brasas do lume candentes que proporcionaban a calor necesaria para o repasado.
O sábado previo á
celebración, pola mañá, facíanse os labores propios de atende-lo gando da casa
ou algún traballo urxente nos eidos. Á tardiña chegaba a banda de música,
xeralmente de Melias, co seu uniforme azul e botonadura dourada, gorra de prato
e instrumentos relucentes soltando escintileos ao sol. Desde Luintra baixaban a
pé, dando un primeiro pasarrúas en Valdoasno, e logo no Covelo, antes de chegar
a Requeixo. Aquí interpretaban unhas pezas fronte á tenda do Pepe, onde acudía
a mocidade dos outros lugares da parroquia, debidamente anunciados cos
estalidos dalgúns fogos artificiais. Eran momentos de gran alegría e bulicio,
especialmente entre a rapazada e mocidade.
Logo dun
descanso para a cea acudíase a gozar do folión, como se chamaba nestes lugares
ao espectáculo de fogos artificiais pola noite. A limitada gama de fogos de
distinto tipo incluían algúns de cores, para rematar cos máis estrondosos
chamados bombas. Pronto se iniciaba a verbena no souto de San Ramón. Novamente
música e baile entre nubes de po do chan de terra machucado polos pés dos
bailaríns. Aos músicos montábaselles un pequeno palco na pendente do souto,
aínda que non sempre. Era especialmente curioso para os nenos o trombón e o
gran bombo, así como os grandes, relucentes e sonoros pratos dourados. Era
meritorio o traballo destes músicos, que facían a pé o camiño ata o pobo,
durmían nunha palleira e comían convidados nas casas do pobo os días que duraba
a festa.
No campo de baile
instalábanse unhas lonas a modo de carpa para alberga-lo tendeiro que ofrecía
bebida aos asistentes. A consumición case exclusivamente limitábase a cervexa e
gasosa, sendo moi demandadas a gasosa cunha copa de licor café e a cervexa con
gasosa. Os mozos que saían a traballar temporalmente a Castela, e contaban con
recursos económicos, convidaban á moza que pretendían ou cortexaban a compartir
unha xerra desa bebida que se gozaba con deleite. A única refrixeración para a
bebida eran uns grandes baldes de auga da fonte na que mergullaban as botellas
de cervexa e gasosa.
Souto de S. Ramón |
Souto de S. Ramón |
Souto e fonte de S. Ramón |
Outras
novidades presentes só os días das festas eran as rosquilleiras e o barquilleiro
coa súa lata coroada cunha ruleta. Aos nenos, se os nosos pais atopaban algún
coñecido forasteiro, este como mostra de atención dábanos unha propina dunha
peseta, que podiamos gastar en comprar lambetadas, cuxa variedade se limitaba a
dous tipos de caramelos ou boliñas de anises, algunha bomba ou foguetes. Tamén
o día da festa, na costa da Torre cara á capela, instalábanse as vendedoras de
froita que viñan da ribeira con pavías, uvas e algunha outra froita non
habitual na contorna.
O carniceiro, que
habitualmente pasaba polo pobo semanalmente coa súa mercadoría metida en dous
caixóns de madeira, que transportaba na súa cabalería, nestas ocasións festivas
sacrificaba un becerro no propio pobo. No improvisado matadoiro, un simple
alpendre dalgunha casa do pobo, sacrificábase o animal e alí acudían as mulleres
de toda a parroquia a comprar carne para a festividade, cousa que no resto do
ano era un luxo descoñecido para a maioría das familias. A organización da
produción rural orientouse tradicionalmente á autosuficiencia. Coa matanza do
porco anual, e algún polo ou galiña en casos de enfermidade ou celebración moi
especial, resolvíase o consumo de carne. A tenreira comprada ao carniceiro
usábase no cocido, a comida máis habitual para o día da festa, xunto ao lacón e
chourizos, ou ben guisada para acompañar ás patacas, ben guisadas ou en
cachelos.
Como sobremesa, o
doce rei das celebracións importantes no pobo era o roscón. Facíase con dúas
ducias de ovos, fariña de trigo e azucre. Acudían tódalas mulleres ao forno
cos ovos, o azucre, a pota para batelos e o molde co seu buraco no medio, para
despois da oportuna cocción saír unha gran rosca esponxosa. A fariña de trigo
comprábase necesariamente no forno. Unha vez preparadas tódalas masas
vertíanse nas correspondentes formas, e introducíanse no gran forno de leña xa
quentado á debida temperatura. Despois da necesaria espera saían os roscóns co
seu cheiro característico, que en épocas de tan poucos caprichos e
liberalidades eran un manxar exquisito. O roscón estaba sempre presente no
acompañamento dunha copa de coñac para os homes, e anís e Sansón para as
mulleres, e mesmo para os rapaces que sempre querían probar ese viñiño doce.
Outras
sobremesas, aínda que non tan propias da festa maior, eran as filloas ou crêpes
de fariña de trigo, leite, azucre e ovos; as chulas ou bolos de vento de fariña
de millo, leite, ovos e azucre; o arroz con leite espeso, e moi raramente o
flan, unha excentricidade para curas e ricos.
Cando o día do Santo
Patrono era un día laborable, celebrábase a festividade relixiosa con misa en
horario de día festivo e procesión. Despois da procesión e antes de entrar na
igrexa, poxábanse as andas de San Ramón para entra-lo Santo na capela, sendo de
maior valor as dianteiras. Competían nesta poxa os devotos cunha promesa ao
santo ou para obter algunha graza especial. Tamén ocorría que algún devoto
doaba para a igrexa un xamón, ou máis habitualmente un lacón, que tamén eran
poxados para o sostemento do culto.
O domingo de
celebración da festividade reuníase na misa toda a parroquia. A banda de
música, que xa amenizara aos asistentes no atrio antes da misa, tamén
participaba nesta, desde a tribuna, interpretando algún fragmento musical
adecuado nos momentos clave da celebración. Se repicaban as campás, os mordomos
da festa lanzaban algún foguete cuxos estalidos anunciaban a propios e alleos
doutros pobos a celebración festiva. O éxito dunha festa medíase a miúdo polo
número de músicos que compoñían a banda e pola cantidade de fogos artificiais
que se queimaban, especialmente no folión do sábado pola noite antes da verbena.
Lonxe dos excesos actuais, esta empezaba ás dez da noite e terminaba cara á
medianoite.
Antes da misa
facíase a procesión ao redor do atrio da igrexa, co acompañamento do repique
das campás. Iniciaba a marcha un home portando a gran cruz de prata da
parroquia, seguidos pola Inmaculada, levada en andas por catro mulleres, e a
continuación San Ramón, tamén en andas portado por catro homes. É costume
colgar na man esquerda do santo uns acios de uvas, interpreto que como unha
petición simbólica de boas colleitas. Segue a continuación o cura párroco e o
resto de fregueses vestidos coas súas mellores galas. As mulleres locen o seu
mellor vestido, e os homes visten, traxe e gravata os mozos, e sen gravata os de
máis idade. Algúns outros levan traxe de pana e boina ou chapeu. Sobra aclarar
que entón non había traxes de inverno ou de verán. Tíñase un só traxe para
calquera ocasión especial que o requirise. Cando se facía un traxe novo, o
anterior usábase para os traballos diarios, ofrecendo a curiosa estampa dun
labrego sachando no campo ataviado cunha chaqueta de traxe. Nada se tiraba, todo se
reciclába.
O baile de tarde
do domingo, comezando cara ás cinco, remataba cara ás nove. Volvíase á casa a
cear e os mozos regresaban á verbena ata medianoite, despois de asistir a un
segundo folión, aínda que nesta ocasión algo máis modesto que o do día
anterior.
O luns continuaba
a festa, de forma máis íntima, basicamente para a xente do pobo. Novamente misa
e procesión pola mañá. Despois do baile da tarde dábase por rematada a festa
coa entrega do ramo dos mordomos aos seus sucesores para o ano seguinte. Estes
son os encargados e responsables de recada-los donativos dos fregueses e de
contrata-la banda de música e fogos de artificio. O ramo era unha rama grande
con rosquillas e doces colgados en lugar de follas que finalmente se tiraban ós rapaces.
As fotos que seguen corresponden ás festas de 2009, as últimas ás que asistín.
Anexo
Non quero rematar o relato da festa maior de San Cristóbal de Armariz sen unha pequena recensión do santo a quen dedicamos esta celebración.
San Ramón é unha figura histórica, nacendo en 1204 na diocese de Urgel do reino de Aragón e morto en Cardona (Barcelona) o 31 de agosto de 1240. Coñéceselle como San Ramón Nonato, porque foi extraído por cesárea do corpo da súa nai morta. Pertenceu á orde dos Mercedarios, fundada por San Pedro Nolasco en 1218 e dedicada ao rescate de cativos cristiáns en mans de musulmáns no norte de África.
San Ramón desprazouse a terras dos infieis para cumprir coa súa misión liberadora de cativos católicos. Cando se lle acabou o diñeiro que levaba para os rescates, ofreceuse el mesmo como cativo refén a cambio doutro prisioneiro. Durante o seu cativerio exerceu o seu labor evanxelizador e de apoio aos católicos alí escravizados e, ante o poder de convicción das súas prédicas, foi torturado polos mouros berberiscos cravándolle un ferrollo nos seus beizos. Finalmente foi rescatado pola súa propia orde mercedaria, retornando a España en 1239. Foi nomeado cardeal polo papa Gregorio IX, pero faleceu en Cardona no curso da súa viaxe a Roma. O papa Alexandro VII canonizouno en 1657, quedando establecida a data da súa morte, o 31 de agosto, como a da súa festividade no calendario católico. É considerado o santo protector dos partos, nenos e embarazadas, así como dos falsamente acusados.
A iconografía ou representación do santo inclúe varios elementos que reflicten a súa vida e virtudes. Os beizos perforados polo ferrollo lembran a tortura a que foi sometido para impedir a súa predicación entre os musulmáns. Tamén a custodia na súa man dereita representa a gran devoción que tiña polo Santísimo Sacramento. Unha palma na súa man esquerda significa a vitoria dos mártires na defensa da súa fe, e as tres coroas que se inseren nela son virtudes que o adornan, a castidade, elocuente predicación e martirio. Nalgunhas ocasións tamén figura o capelo cardinalicio púrpura aos seus pés, indicador da súa dignidade, aínda que se lle pon aos pés como mostra do seu desapego polas honras do mundo material. Ás veces tamén aparece unha bolsa de diñeiro como reflexo do seu labor liberador de cativos. Finalmente, en cadros ou estampas adoitan aparecer mulleres axeonlladas en actitude de rezo devoto pedindo a súa protección nos embarazos e nacementos.
Abre a procesión a gran cruz de prata |
Segue a continuacion a Inmaculada portada por mulleres |
Continúa con S. Ramon portado polos homes |
Pecha a procesión o grupo de gaiteiros e os fregueses |
Grupo floklórico da parroquia |
Non quero rematar o relato da festa maior de San Cristóbal de Armariz sen unha pequena recensión do santo a quen dedicamos esta celebración.
San Ramón é unha figura histórica, nacendo en 1204 na diocese de Urgel do reino de Aragón e morto en Cardona (Barcelona) o 31 de agosto de 1240. Coñéceselle como San Ramón Nonato, porque foi extraído por cesárea do corpo da súa nai morta. Pertenceu á orde dos Mercedarios, fundada por San Pedro Nolasco en 1218 e dedicada ao rescate de cativos cristiáns en mans de musulmáns no norte de África.
San Ramon Nonato - Museo Goya - Fundación Ibercaja - Pintor Antonio del Castillo, hacia 1650 |
San Ramón desprazouse a terras dos infieis para cumprir coa súa misión liberadora de cativos católicos. Cando se lle acabou o diñeiro que levaba para os rescates, ofreceuse el mesmo como cativo refén a cambio doutro prisioneiro. Durante o seu cativerio exerceu o seu labor evanxelizador e de apoio aos católicos alí escravizados e, ante o poder de convicción das súas prédicas, foi torturado polos mouros berberiscos cravándolle un ferrollo nos seus beizos. Finalmente foi rescatado pola súa propia orde mercedaria, retornando a España en 1239. Foi nomeado cardeal polo papa Gregorio IX, pero faleceu en Cardona no curso da súa viaxe a Roma. O papa Alexandro VII canonizouno en 1657, quedando establecida a data da súa morte, o 31 de agosto, como a da súa festividade no calendario católico. É considerado o santo protector dos partos, nenos e embarazadas, así como dos falsamente acusados.
Escudo da Orde Mercedaria |
A iconografía ou representación do santo inclúe varios elementos que reflicten a súa vida e virtudes. Os beizos perforados polo ferrollo lembran a tortura a que foi sometido para impedir a súa predicación entre os musulmáns. Tamén a custodia na súa man dereita representa a gran devoción que tiña polo Santísimo Sacramento. Unha palma na súa man esquerda significa a vitoria dos mártires na defensa da súa fe, e as tres coroas que se inseren nela son virtudes que o adornan, a castidade, elocuente predicación e martirio. Nalgunhas ocasións tamén figura o capelo cardinalicio púrpura aos seus pés, indicador da súa dignidade, aínda que se lle pon aos pés como mostra do seu desapego polas honras do mundo material. Ás veces tamén aparece unha bolsa de diñeiro como reflexo do seu labor liberador de cativos. Finalmente, en cadros ou estampas adoitan aparecer mulleres axeonlladas en actitude de rezo devoto pedindo a súa protección nos embarazos e nacementos.
Estampiña de San Ramón con todolos seus atributos |
No hay comentarios:
Publicar un comentario