Labores Agrícolas 2/3 - O Centeo - A Seitura - A Malla



Labores Agrícolas 2/3 - O Centeo  A Seitura e a Malla

Para ler o artigo completo, clicar en "Seguir Leyendo"  que figura a continuación.


O centeo tivo unha importancia capital na alimentación humana galega durante séculos. É un cereal que se adaptou ás condicións climáticas e do chan moito mellor que o trigo. O centeo, xunto coas patacas e o millo, foron os alicerces da produción agraria de Galicia nos tres últimos séculos. Dada a pobreza dos terreos deben alternarse os cultivos. Comezando o seu ciclo produtivo, podemos dicir que no terreo onde se colectou o millo, a continuación sementábase o centeo, completando o ciclo rotativo dos distintos cultivos para mellorar o rendemento da terra.

Arábase primeiro o terreo onde quedaran as raíces do millo e pasábase a grade a continuación. Abonábase con esterco, se procedía, e sempre dependendo da súa dispoñibilidade. Quedaba o terreo preparado para recibir sementeira do centeo, que se facía no mes de outubro despois da recolleita das patacas e da vendima.

Sementábase o gran a voleo, traballo normalmente realizado pola muller. A continuación pasaban as vacas xunguidas tirando do arado guiado polo home, abrindo regos que cubrían de terra o gran sementado. Esperábase o seu desenvolvemento, sen ningún labor intermedio.

Ao ano seguinte, cara a finais de xuño ou principios de xullo, chegaba o momento da sega ou seitura, que se facía nun día asollado cara a Santiago, 25 de xullo. O refraneiro popular facilítanos o calendario do centeo: “polo San Xoán sécalle unha raíz ó pan, polo San Pedro sécalle a do medio e polo Santiago fouciños ó agro” A sega era un labor comunitario, onde uns veciños axudaban aos outros para axilizar o traballo, que normalmente se facía nun día, e así minimizar os riscos climatolóxicos. A sega facíase á man co fouciño, traballo máis ben de mulleres. Os homes ían detrás facendo as gavelas ou mollos, que eran brazadas de centeo cortado suxeitadas cun atado da propia palla chamados "vencellos". Ata os nenos participaban traendo auga da fonte, ou recollendo nunha cesta as espigas que quedaban pola leira despois de facer as gavelas. Ao final recollíanse as gavelas no centro da leira e amontoábanse formando os medoucos, que eran agrupacións de mollos colocadas verticalmente en círculo formando un cono. Acabada a sega dunha leira continuábase con outra da mesma familia e así ata terminar.

Finalizada a seitura, o dono das leiras ofrecía a comida aos veciños que participaran, comida que se facía no campo á sombra dalgunha árbore. A comida era abundante e comíase ata fartarse. Consistía en parte da cachucha, normalmente o dente do porco, ou un lacón ou patacas con bacallau, con pan e viño, e de sobremesa era común o arroz con leite. Comíase en pratos levados nun gran cesto, xunto coa comida. Eran momentos de alegría, bo humor, canto e bromas entre mozos e mozas. Se era pola mañá dábase almorzo e xantar, se era pola tarde, a merenda-cea.

A familia, nos días seguintes, carrexaba as mollos de todas as súas leiras á aira comunitaria do pobo para levantar a súa meda, que é o resultado de colocar as gavelas en forma circular para levantar unha gran chea cilíndrica, rematada en forma de cono para facilitar a escorrega da auga de chuvia, e que reunía toda a colleita de centeo de cada familia. O levantar unha meda ben feita para que quedase estable ata o momento da malla non era cousa que fixese calquera, xa que podían superar os cinco metros de altura. Había persoas coa habilidade e o sentido espacial necesario para ila levantando uniformemente regular, para conseguir a súa estabilidade e que quedase protexida da auga da chuvia. Alí na aira quedaban as medas, que reunían toda a colleita de cada familia, unhas máis grandes, outras máis pequenas, á espera da chegada das máquinas. Na aira xa había lugares fixos para a meda de cada familia, establecidos polo costume en épocas moi anteriores, e aceptados por todos sen discusión.

Finalmente chegaba o momento da malla, que era a operación de separar o gran da palla. Na época que eu recordo nos anos 50, este proceso facíase con máquinas que traía un profesional, que percorría as distintas airas da comarca realizando o traballo, cobrando a cada familia polos seus servizos en función do tempo de uso das súas máquinas. O proceso constaba de dúas operacións para realizar o traballo, mallar e limpar respectivamente, para o que se empregaban dúas máquinas diferentes. Comezábase cunha meda, para seguir con outra, ata terminar, labor que duraba como mínimo un par de días en cada aira.

A malladora constaba de dous elementos: un motor e a máquina de mallar propiamente dita. Estes dous elementos estaban separados. Por unha banda estaba o motor que funcionaba con gasolina e accionaba un eixo cunha polea do que partía unha cinta de transmisión ancha que movía outra polea na máquina malladora. Esta polea da malladora estaba unida a un eixo que movía un cilindro interior.  Este cilindro tiña uns dentes que ao recibir a palla coa espiga e virar a alta velocidade conseguían separar o gran da palla. O motor era moi ruidoso, ou polo menos parecíao nunha época pouco afeitos a oír o ruído dos motores, que ademais non contaban con ningún mecanismo silenciador. Deduzo que serían motores dun tempo, cun gran bidón que supoño sería de refrixeración, e un tubo de escape orientado cara ao ceo. O motor e a malladora, aínda que separados estaban aliñados para que a correa de transmisión que unía o motor coa máquina correse sen saírse das súas poleas.

Un home novo subía á meda e axudado dunha forcanza ía botando abaixo os mollos, que eran recollidos por outras persoas e levados á máquina de mallar, nun proceso rápido e perfectamente coordinado. O mallador, subido a unha pequena plataforma para quedar á altura da boca da malladora, desatábaos e ía introducindo a palla coa espiga plana na ancha abertura que os tragaba arrastrados polo cilindro interior. Entre o ruído do motor percibíase como a máquina debullaba as espigas cun son característico de rozamento dos grans contra unha superficie metálica.

A palla xa debullada saía polo lado oposto, estando unhas mulleres provistas de forcanzas á saída para ila retirando e evitar o atasco e afogo da malladora. Esta palla era recollida por outras mulleres que ían facendo feixes, suxeitos cunha corda. Estes feixes eran carrexados levados na cabeza, á palleira da familia a quen correspondía esa meda, ou para facer un "palleiro" no caso de que non a tivesen. 

O gran saía doutra banda, onde cunha vasoira de xestas se "cuañaba" para separar as espigas de centeo máis pequenas que non se debullaron ben na máquina. Con estas espigas que non se debullaron facíanse pequenas gavelas que se usaban logo de alimento das vacas ou para sementar a ferraia, como se chama o orxo, avea ou centeo que se sega verde antes de que espigue e é utilizado como forraxe para alimento dos animais.

Esta chea de gran mesturado con restos de palla das espigas, que saía da máquina de mallar, metíase en cestos e levábase á máquina limpadora. Vertíase o gran sucio na tolva ou abertura chamada moxega, para logo, facendo rotar unha manivela movida por unha persoa, producíase un movemento de vaivén e unha corrente de aire que aventaba a trilla, para separar o gran dos restos da trilla. O gran limpo que saía da máquina recollíase nuns caixóns de medida de volume chamados ferrados que se baleiraban en sacos, permitindo ao mesmo tempo ir medindo o volume do producido no ano. Estes sacos levabanse á casa de cada familia onde se baleiraban nunha arca ou hucha. Esa arca servía de celeiro de onde se ía sacando o gran ao longo do ano, para levalo a moer a un dos muíños da parroquia, a medida que se precisaba para facer o pan da familia.

A malla era tamén unha tarefa colectiva. Os veciños axudábanse uns a outros ata terminar toda a faena. Era un traballo moi coordinado que debía facerse con gran rapidez, xa que o mallador, de bastante mal carácter, esixía que a súa máquina traballase o máis intensamente posible para, canto antes, ir a outra aira e completar a tempada co maior ingreso posible. Cada un pagaba ao mallador en función do tempo de uso das máquinas. Era a malla unha excepción aos traballos colectivos que sempre terminaban cunha comida tamén colectiva. Non se facía festa dada a rapidez con que debía facerse o traballo. Ao terminar coa meda dunha familia, seguíase con outra, cuns pequenos descansos despois de cada unha para beber, poñer gasolina á máquina ou arranxar algunha avaría ocasional que non era estraño que se producise. 

Antes de utilizar máquinas, aínda que eu non lembro velo, se mallaba a man, onde dúas fileiras de homes, provistos de mallos, fronte a fronte, golpeaban alternativamente a palla coas espigas estendidas sobre o chan entre ambas as fileiras. Despois de retirar a palla, recollíase o gran co resto da malla e aventábase para separar o gran dos residuos da espiga, antes de levalo limpo á arca ou hucha da casa. O mallo era un pau longo ao que se lle unía outro máis curto nun extremo mediante unha correa de pel, o que permitía que ao golpear, este pau do extremo acelerase a súa velocidade e golpease horizontalmente a palla do chan. Eu vino usar en casa do meu avó, para de forma individual mallar algunha gavela de centeo, se antes da malla facía falta para o uso da familia.

Tanto a sega como a trilla eran traballos duros, non só polo esforzo físico, que era grande, senón pola calor soportada. Estes labores coincidían cos momentos de maior calor do ano. Por outra banda as palletas, é dicir a parte da herba seca que quedaba no eido despois de cortar o centeo, era dura e picaba coma se fosen cravos. Na aira o po da palla metíase por todo o corpo picando como agullas. En consecuencia era un traballo duro e incómodo, aínda que de curta duración polo concentrado da súa execución ao facelo de forma colectiva. A compensación ao esforzo era a satisfacción de ver a arca chea do gran que garantía o pan para o sustento da familia todo o ano.

A pesar da calor a xente ía aparentemente abrigada, para protexerse do sol e da propia palla que como digo podía picar como agullas. Os homes levaban camisas de manga longa e chapeu ou un pano con nós nas súas esquinas a modo de casquete que absorbese a suor da fronte. As mulleres levaban medias grosas para protexer as pernas da palla seca e do po da trilla, camisas pechadas de manga longa, pano á cabeza anoado baixo o queixo e chapeu de asa ancha. Eran estes traballos curtos pero certamente penosos. Tamén recordo que se bebía en porrón auga fresca da fonte, aínda que tamén vin mesturala con vinagre e un pouco de azucre para apagar a sede.


No hay comentarios:

Publicar un comentario